Notas y Noticias de Vetas

Noticias y notas del mundo cultural

Nombre: pedsarod
Ubicación: santo domingo, Dominican Republic

15.7.07

GALICIA: Los mitos sobre la globalización



O investigador mexicano Héctor Díaz-Polanco, á esquerda, co presidente do
Consello da Cultura Galega, Ramón Villares onte en Santiago de Compostela.

Díaz-Polanco rompe cos mitos asentados sobre a globalización



O antropólogo e sociólogo mexicano participou onte no ciclo 'Os sentidos das culturas' organizado no Consello da Cultura

V. OLIVEIRA.
SANTIAGO de COMPOSTELA

O investigador mexicano Héctor Díaz-Polanco, á esquerda, co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares onte en Santiago de Compostela.

"A globalización non só non homoxeniza senón que promove procesos de posicionamento fundados na identidade de movementos sociais e políticos que teñen como base a denuncia económica e social". É unha das teses do antropólogo e sociólogo Héctor Díaz-Polanco, mexicano de orixes dominicanas, un dos principais especialistas en temas étnicos e autonómicos de América Latina, que leva trinta anos dedicado á docencia e á investigación.

Co relatorio "Tese sobre diversidade, identidade e globalización", Díaz-Polanco interveu onte no seminario "Os sentidos das culturas" organizado polo Consello da Cultura Galega en Compostela no que xa participaron Féliz Duque, Slavoj Zîzek, Alberto Ruiz de Samaniego e Darío Villanueva.

O profesor-investigador do Centro de Investigacións e Estudos Superiores en Antropoloxía Social (Ciesas) de México, opina que, á vista dos novos estudos sobre a globalización, "tívose unha idea equivocada do proceso" ao pensar que conducía á uniformización cultural das sociedades. "É un dos tópicos máis difundidos e máis raros", engade o profesor.

Outro dos conceptos polos que hoxe en día pasa todo pensamento social é o da identidade que, ao ver de Díaz-Polanco, xera un problema cando se entende como "un proceso esencial, invariable e inmune ó proceso histórico-social".

Lonxe diso, o investigador entende a diversidade como "identidades múltiples que se autoenriquecen ao se articularen co global". Unha imbricación que parte dunha interpretación de identidade como "elemento innovador e diverso que non está en contradición co proceso social".

Deste xeito pódese comprender a evolución de países como México, Bolivia ou Chile para os que a identidade é un "elemento estratéxico" para unha "transformación nacional" fronte aos "reclamos para manter a sacrosanta tradición étnica", analiza o mexicano.

Os pobos indíxenas avanzan na súa autonomía
No seu libro El laberinto de la identidad, Díaz-Polanco considera que os pobos indíxenas avanzan na construción da súa autonomía malia atoparse coa resistencia das transnacionais. O mexicano entende a autonomía dende dúas perspectivas. A primeira é "unha visión conservacionista que aposta por recoñecer as culturas de forma autárquica" e a segunda, pola que loita o profesor, é a que entende as autonomías como "instrumento de transformación nacional á vez que tamén transforma os pobos indíxenas".

Esta vinculación dos cambios no ámbito nacional e local amplía así as perspectivas de análise das autonomías e impide que as demandas étnicas "se convertan en obstáculos".

Outro dos tópicos que máis se intenta vender nos últimos tempos é, na súa opinión, o multiculturalismo, un concepto que se difundiu a escala global para o tratamento da diversidade.

Díaz-Polanco cre que en Europa e en Estados Unidos hai un sector liberal conservador que "rexeita o multiculturalismo" porque entende que é "demasiado liberal, concédelle demasiado ó pluralismo e pon en perigo os valores occidentais". Mentres que en América Latina, o multiculturalismo é rexeitado por consideralo un "recoñecemento superficial da diversidade e que non chega a recoñecer o outro". A pregunta é, para Díaz-Polanco, "que sentido ten recoñecer o outro porque se parece a ti se o verdadeiro liberalismo estaría en aceptar ó outro coas súas diferencias."

TER EN CONTA O DIVERSO PARA "GAÑAR" MÁIS

O perigoso márketing multicultural
Outro dos tópicos nos que se cae ao analizar a situación da globalización é considerar, segundo Díaz-Polanco, que "toda a andamiaxe corporativa das empresas transnacionais aposta por unha globalización". Nada máis lonxe da realidade. Para o investigador mexicano, as grandes corporacións aprenderon as regras do "márketing multicultural" que consiste en "incorporar unha perspectiva multicultural para maximizar as ganancias e o éxito comercial". De maneira que a diversidade "pode ser usada para os fins do capital na globalización", o cal implica un "reto novo a escala global", indica.
.
Neste sentido, non é un comportamento do pluralismo senón que leva a unha "homoxenización", o que require, na opinión do mexicano, de estudos máis a fondo, dado o perigoso de que o que se presenta como defensa da diferenza se reduce a "unha tolerancia liberal como reverso consumista da homoxenización mercantil"como di o filósofo Daniel Bensaïd, un dos líderes estudiantís de Maio do 68.
---
Ir a la portada de Vetas Digital:

BloGalaxia